mércores, 27 de novembro de 2019

ANDAINA POLA IGUALDADE

Ademais da conmemoración do 25 de novembro, día contra a violencia de xénero, no noso centro continuamos traballando unha temática tan importante como é a da igualdade. Para iso, onte o alumnado participou nunha especie de xincana na que tiñan que ir resolvendo diferentes probas en relación co tema. As probas foron moi variadas: análise da linguaxe de cancións, creación de carteis, montar puzzle, xogos de mímica, análise de imaxes, unión de palabras e definicións...

Foi unha oportunidade moi boa para reflexionar sobre a igualdade e que ampliasen os seus coñecementos sobre este tema. Nas seguintes fotos podedes ver algúns exemplos das probas:
















OBRADOIRO DE MAXIA E CIENCIA

Estes días acudiron ao centro dúas persoas que nos impartiron un obradoiro de maxia e ciencia. O obradoiro tivo lugar na biblioteca do centro, xa que un dos obxectivos que temos este curso é facer dela un espazo de creación. 
O obradoiro consistiu na realización de diferentes experimentos, que, a simple vista parecían maxia, pero no fondo tiñan detrás unha explicación científica. 
Ademais, tamén nos falaron de diferentes figuras femininas en relación coa ciencia, como é o caso de Hedy Lamarr. 
O alumnado pasouno moi ben nesta actividade, polo que lles damos as grazas a ambas persoas que a impartiron. A continuanción deixámosvos unhas imaxes:











luns, 25 de novembro de 2019

25 NOVEMBRO




Como xa sabemos, hoxe, 25 de novembro, é o Día contra a violencia de xénero. Para conmemorar este día compartimos con vós un vídeo que elaborou o noso centro (CEIP de Melide nº1) conxuntamente con outros dous colexios: CPI Armando Cotarelo Valledor (Boimorto) e CEIP Rosalía de Castro (Lugo).

No vídeo ofrécese unha análise dos estereotipos e prexuízos existentes contra a muller a través dos contos. Para velo só tedes que pinchar no seguinte texto: Manifesto 25N






venres, 22 de novembro de 2019

APÓCEMAS MÁXICAS

Fai unhas semanas estivemos celebrando o Samaín no noso colexio. Unha das actividades que realizamos foi o deseño dunhas apócemas máxicas. Os ingredientes que levaban eran moi variados (ás de morcego, pelo de león, rabo de touro, ollos de ra, plátanos podres...) e os efectos que producían ao bebelas eran asombrosos: converterse nun animal terrorífico, converterse en sombra ou en pantasma, botar lume pola boca... 

Houbo apócemas que gañaron un premio por ter algunha característica destacable e especial, pero, idependentemente diso, todos os grupos levaron o seu diploma correspondente (por ter as apócemas máis orixinais, máis poéticas, máis creativas, cos efectos máis especiais...).

A continuación presentámosvos algunhas imaxes das apócemas para que vexades o chulas que quedaron!
O alumnado do CEIP de Melide Nº1 xa está listo para ir a MasterChef!! 👩‍🍳👨‍🍳😂😂😂










xoves, 21 de novembro de 2019

COÑECENDO O MUNDO DA DIABETE

O pasado 18 de novembro recibimos na biblioteca a detective Raquel Queizas e a un dos seus casos de investigación máis misteriosos: un caso azul.
Había unha nena que tiña uns síntomas un tanto extraños: comía e non engordaba, bebía moito, ía moitas veces ao baño e ás veces atopábase moi cansa. Tras longas pescudas descubrimos que se trataba de diabete.
A diabete é unha enfermidade que non se contaxia e se produce porque o pancreas non produce suficiente insulina, unha substancia que acompaña polo sangue a glucosa ata as células para darlles enerxía. Se a glucosa non vai acompañada de insulina non pode entrar nas células e así non temos enerxía.
As nenas e nenos que a padecen necesitan coidar a inxesta de azucres. A falta de azucre en sangue pode provocar mareos, temblores e ata a perda de coñecemento. Por iso, é importante que saibamos como actuar se temos a un/unha compañeiro/a con diabete e se atopa mal: nunca deixalxs a soas e avisar aos profes.
Foi un caso moi complexo... pero somos grandes detectives! 
Mil grazas a Rosa María Méndez Segade por propoñernos unha actividade tan interesante e necesaria. E por suposto a Raquel Queizas por amosarnos o mundo da diabete dunha maneira tan sinxela e lúdica! 
Aquí vos deixamos unhas imaxes da experiencia:








domingo, 10 de novembro de 2019

SAMAÍN E HALLOWEEN

A semana pasada estivemos celebrando o Samaín / Halloween no noso centro. Estivemos decorando as aulas e os corredores con elementos característicos desas datas: cabazas, bruxas, pantasmas, morcegos, arañas... 
Aquí podedes ver as cabazas tan orixinais que trouxo o noso alumnado:



Ademais, o alumnado de 2º de Educación Primaria preparou unha pequena obra de teatro titulada: A figueira de Pelostortos. Fixérono moi ben!